Saturday 18 de May de 2024

O Día da Solidariedade de Ordes acada 800 euros en metálico


Os cartos foron doados a Cruz Vermella. Tamén se obtiveron catrocentos produtos de hixiene, cincocentos quilos de alimentos e 30 xoguetes
Os organizadores do Día da Solidariedade de Ordes acaban de dar a coñecer as cifras de todo o acadado nunha xornada altruísta que tivo lugar o pasado 27 de decembro, onde o deporte, a música, a diversión e a xenerosidade se deron a man. En total hai que falar de 800 euros en metálico, os cales foron doados integramente a Cruz Vermella Ordes.
Non foi o único xa que tamén se entregaron os catrocentos produtos de hixiene doados polos asistentes a todos estes eventos. Grazas á xenerosidade de moitos veciños e veciñas un total de vinte e catro familias, preferentemente con nenos e nenas, foron receptoras destas doazóns. A todo isto hai que engadir outros cincocentos quilos de alimentos non perecedoiros e trinta xoguetes, bens que distribuíu o departamento de Servizos Sociais do Concello.